Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015
Consellería de economía e industria

Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015

Galicia afronta neste quinquenio un reto fundamental: desenvolver un ecosistema de investigación e innovación suficientemente eficiente como para situar a economía galega en posición de competir nunha contorna global.

Na pasada década foise conformando un sistema de investigación e innovación cun poboado conxunto de axentes que vertebran unha ampla oferta tecnolóxica e un sistema de innovación ben situado en España. A pesar diso, a economía galega non é aínda suficientemente innovadora para mostrar uns parámetros de produtividade cos que garantir o mantemento dun modelo social baseado no benestar.

É o momento de que as empresas, universidades, centros tecnolóxicos e demais axentes do sistema galego de I+D+i acaden un rendemento óptimo co que desenvolver proxectos empresariais máis intensos en coñecemento e procesos de investigación, que acaben máis frecuentemente na súa valorización.

Por iso, os obxectivos que propón este Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015 non poden desenvolverse sen unha alta implicación. A responsabilidade é compartida, por descontado empezando por quen ostenta responsabilidades de goberno e é responsable de achegar o máximo de recursos posible e de deseñar políticas públicas acertadas. Pero máis aló da política, o esforzo pola investigación e a súa valorización, e o esforzo pola innovación, pivota dun modo determinante nas empresas e nas universidades e resto de axentes do sistema de I+D+i.

A investigación necesita recursos para desenvolverse con calidade suficiente, pero tamén actitude e persistencia en valorizar o coñecemento que produce. A dita valorización é un modo de responsabilidade social.

E a innovación necesita recursos públicos e privados pero require moita capacidade de cambio para facer da innovación o motor de competitividade da empresa.

A valorización da investigación e do desenvolvemento e da innovación estratéxica requiren un esforzo e convicción, un compromiso compartido que debe atopar nas axudas públicas máis unha panca que unha orixe. As empresas innovan estratexicamente porque é a forma de manter a súa competitividade, non innovan porque haxa axudas públicas, é ao revés, hai axudas públicas para acelerar, incentivar unha innovación que se é de verdade, comporta risco. As universidades e os centros de investigación deben valorizar os seus resultados, porque é a forma de retornar á sociedade os esforzos que esta manifesta en forma de achegas á investigación, nun círculo que se non produce resultados creba unha das principais pancas de desenvolvemento social e económico.

A suma de conxuntura económica especialmente difícil e do próximo horizonte onde as axudas á innovación provenientes da Unión Europea tenden a limitarse, obrigan a un cambio de modelo, no que unha vez vertebrado un sistema de axentes de investigación e innovación moi nutrido, o foco debe centrarse nos resultados. Haberá que ser moi eficiente, máis do que se foi en xeral, co uso dos recursos e conseguir unha investigación que sexa de calidade e se valorice eficientemente e unha innovación que se traduza en crecemento empresarial.

Os principais indicadores para medir o resultado do Plan deben, polo tanto, ser indicadores de impacto, no sentido de medir realmente o resultado social e económico que as distintas iniciativas público – privadas producen.

O Plan ten un especial empeño en propulsar o crecemento empresarial. Nunha contorna económica especialmente minifundista na súa estrutura produtiva, impulsar o desenvolvemento de empresas tractoras e os proxectos público – privados tractores resulta fundamental. Galicia foi capaz de desenvolver algúns dos proxectos empresariais máis exitosos e de maior impacto global de Europa, e á vez, mantén un tipo de tecido produtivo que require de modo moi evidente maior crecemento e maior internacionalización.

Polo tanto, este é un plan de investigación e innovación e estes son dous alicerces necesarios para o crecemento empresarial, non son termos afastados, son termos vinculados. Unha investigación de calidade e valorizada, unha innovación desde o compromiso pola competitividade, serán os factores clave para o crecemento de proxectos que sexan significativos nunha contorna global e que permitan vertebrar mellor ao gran número de PEME e darán axilidade á economía galega.

Este é un momento decisivo que se resolverá segundo o acerto e o compromiso que todos os axentes do sistema de I+D+i galego consigan. E en gran medida, o cambio de modelo máis intensivo en coñecemento grazas a un maior rendemento das iniciativas de investigación e innovación, deberase a un cambio cultural.

Unha forma de entender a investigación como o modo básico de avance do coñecemento que se resolve en iniciativas de transferencia e valorización que constitúen unha base diferencial sobre a que construír proxectos sociais e proxectos empresariais. E unha innovación que busca desenvolver non soamente proxectos de innovación incremental, senón propostas disruptivas capaces de poder definir proxectos empresariais de grande alcance. En gran medida este cambio cultural vén de unir investigación e innovación con espírito emprendedor. Unha actitude emprendedora que se traduce en novas empresas ou que se traduce en novos proxectos que atopan a forma de facer empresas desde as bases de coñecemento propostas en investigacións.

Este cambio de modelo que busca este Plan tamén se fundamenta nun cambio de modelo na estruturación do sistema, así se define a creación de novos organismos como a creación da Axencia Galega de Innovación, o Observatorio de Innovación de Galicia e un conxunto de propostas de reforma normativa que buscan facer máis eficientes e máis orientadas a resultados as políticas públicas.

Por outra banda, o Plan que se propón ten unha duración de cinco anos, sendo o seu período de vixencia desde o 1 de xaneiro de 2011 ata o 31 de decembro de 2015. Probablemente o escenario de axudas europeas terá unha forte alteración a partir de 2013 cando rematen as axudas a Galicia como rexión elixible en virtude do obxectivo de converxencia. Neste momento a necesidade de responder aos importantes retos de crecemento empresarial e de competitividade con recursos propios vai ser máis evidente, tal e como o será ter capacidade de captar desde os grupos de investigación e desde as empresas recursos provenientes das convocatorias competitivas do Estado, da Unión Europea e de institucións multilaterais.

Desta maneira o novo Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015, aspira a ser a punta de lanza da sociedade galega na necesidade de contribuír á competitividade de Galicia como Eurorrexión cun marco operacional e unha contorna de desenvolvemento adecuados. A Galicia tócalle competir nunha contorna de mercado onde Rexións Europeas tradicionalmente máis avanzadas sofren xa os axustes de mercado pola puxanza doutras rexións emerxentes de Europa e fóra dela.

As características clave de toda economía e sociedade innovadora non se entenden nas últimas décadas sen o fenómeno da Innovación Aberta (entendido este concepto como tradución de “Open Innovation” termo acuñado polo profesor Henrry Chesbrough) que se caracteriza por unha contorna de I+D+i dinámica, colaborativa, excelente e integrada.

O Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015 entende a contorna que facilita as condicións para a Investigación e Desenvolvemento desde unha visión de 360º potenciando a interrelación dos axentes do ecosistema de innovación mediante os aceleradores que propoñen os programas estatais e internacionais de financiamento da I+D+i.

Ademais, é neste contexto onde a banca privada debe ampliar a súa decidida aposta polo empresariado local mediante instrumentos financeiros non necesariamente tradicionais que apoien á micropeme innovadora galega nos seus diferentes estadios de madurez do seu proxecto empresarial.

Este achegamento integral a través dos diferentes elementos da cadea de valor do proceso de I+D+i permitirá acadar os obxectivos do Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015: unha contorna favorecedora da Innovación Aberta; unha aspiración competitiva de ámbito supranacional; un cadro de mando multiobxectivo e un financiamento multifonte.

Retos

Axudas e financiamento

Financiamento
Atopa o financiamento que necesitas para os teus proxectos
Percorre os programas de financiamento publico que mellor se axeiten os teus proxectos

Crecemento, valorización e xestión do talento

Crecemento, valorización e xestión do talento
A innovacion e unha panca fundamental para o crecemento
Xestionar o talento e fundamental para consolidar o sistema, garantir o desenvolvemento e a competitividade economica

Innovación aberta: Atopa os teus socios galegos

Innovación aberta
Acelera os teus procesos de innovacion
As dinamicas de innovacion aberta desenvolven a relacion entre empresas, melloran os resultados, e favorencen crecemento

Boas practicas na innovación galega

Boas practicas na innnovación galega
Potenciar unha cultura de innovacion eficiente
Proxectar a investigacion e a sua valorizacion, e a innovacion como responsabilidade social corporativa

Novas

Twitter
Ministerio de economía y competitividad Unión Europea