A Xunta pon en contacto quince empresas punteiras do sector biotecnolóxico con oito fondos de investimento e capital risco

2013-10-09
  • Tecnópole acolle o Bio Investor Day, unha lonxa de financiamento que busca poñer en contacto as boas ideas do talento galego cos fondos necesarios para abrir novas liñas de negocio ou abrir unha empresa
  • O director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela, destaca que a biotecnoloxía será unha das tecnoloxías clave para a mellora da competitividade da industria galega na Estratexia de Especialización Intelixente, que marcará o investimento de boa parte dos fondos FEDER e FSE que Galicia reciba entre 2014 e 2020
  • Destaca ademais a vocación innovadora das empresas ourensás, e sinala que 46 compañías da provincia solicitaron axudas para proxectos innovadores ao abeiro do programa Conecta Pemes

O director da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Manuel Varela, destacou hoxe a necesidade de potenciar o capital risco como ponte entre o talento galego o emprendemento innovador, unha vontade que a Xunta busca acadar con iniciativas como o Bio Investor Day, a lonxa de financiamento para empresas biotecnolóxicas que se está a desenvolver hoxe no Parque Tecnolóxico de Galicia, e que presentou xunto á directora xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, Sonia Martínez Arca.

A terceira edición desta lonxa de financiamento, promovida e organizada por GAIN en colaboración co Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga) e Tecnópole, serviu para poñer en contacto quince empresas galegas punteiras do sector biotecnolóxico con oito fondos de capital risco, tanto públicos como privados, e tanto españois como internacionais. Unirisco e XesGalicia, por parte da Xunta, lideran ese grupo de investidores desde o eido público que se completa co Centro de Desarrollo Tecnológico Industrial, mentres que o sector privado estivo representado por empresas como CRD Inverbio, PrincipiaTech, SuanFarma Biotech, One to One e a isrealí Kerentech.

Nesta edición da lonxa, GAIN axudou as empresas galegas cunha sesión preparatoria para acadar a mellor presentación posible diante dos fondos, ademais dunha titoría individualizada con expertos para afondar sobre a súa idea de negocio.

Varela destacou que o apoio do Goberno galego á transferencia dos resultados de investigación ao mercado, e ao emprendemento innovador, complétase con varias iniciativas, como o Fondo de Investimento I2C, dotado con 10 millóns de euros. A través del apóianse proxectos mediante pre?stamos participativos con especial atencio?n a iniciativas resultantes da valorizacio?n do con?ecemento en a?reas coma a sanidade e a bioalimentacio?n.

O director de GAIN sinalou como clave o papel de Fondo de investimento Xes-Innova, con capital semente para apoio a proxectos de emprendemento innovador nas su?as etapas iniciais a trave?s de pre?stamos participativos, e que está dotado con 2 millóns para este ano, coa biotecnoloxía como beneficiaria preferente.

Para empresas xa constituídas e que queren abordar liñas novas, a Xunta vén de abrir este ano unha vía idónea para abordar proxectos innovadores de cara a sectores cunha maior presenza de pequenas e medianas empresas, como pode ser o caso do biotecnolóxico: o Conecta-Peme. O programa, que está en fase de resolución, busca mobilizar 25 millóns en proxectos innovadores, que levarán a cabo grupos de entre tres e seis empresas apoiadas por un centro tecnolóxico ou do coñecemento. Varela destacou que 46 empresas da provincia de Ourense forman parte de proxectos que pediron axudas deste programa, o que mostra, destacou, a vontade innovadora das empresas ourensás.

Ademais do Conecta-Peme, o director de Gain salientou outros programas clave como o Innterconecta, que nas súas dúas convocatorias mobilizará 215 millóns en proxectos innovadores en toda Galicia, ou os contratos-programa asinados con centros tecnolóxicos e de investigación.

RIS3

Por último, resaltou que a Xunta está a piques de rematar a elaboración da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3), un documento necesario para que Galicia reciba fondos FEDER e FSE entre 2014 e 2020, e guiará o futuro investimento en innovación en Galicia. Neste senso, Varela adiantou que a biotecnoloxía terá un papel moi destacado na Estratexia, xa que é esencial no desenvolvemento de sectores estratéxicos para Galicia coma o agroalimentario e a saúde.

Pola súa banda, Sonia Martínez salientou a colaboración da Consellería de Sanidade coa de Economía e Industria no eido da investigación e innovación no ámbito da saúde. Neste sentido, destacou o compromiso de Sanidade co sector da biotecnoloxía e a súa aposta pola innovación no sector bio, tanto nas empresas de Galicia coma no sector académico.

Innovación en saúde

Nela, dixo, enmárcase o Programa de Desenvolvemento Precomercial dos resultados de investigación do sistema público de saúde de Galicia. Indicou que con el se aborda unha das carencias identificadas no contorno dos hospitais, nos que se levan a cabo proxectos con moito potencial de aplicabilidade clínica, e polo tanto con potencial comercial, pero que a miúdo se quedan nunha fase de interese puramente académica ou ás veces chegan a obter resultados e protexelos, pero con dificultades para avanzar máis aló da patente.

Segundo explicou a directora xeral, a través deste programa identificáronse xa máis de 30 proxectos con resultados sobre novas tecnoloxías e novos produtos (terapias, ferramentas de diagnóstico, dispositivos médicos ou software, entre outros). Sanidade está a facer unha análise detallada destes resultados con criterios de mercado e financiará o desenvolvemento con empresas, a través de mecanismos de compra pública innovadora, daqueles proxectos que teñan máis potencial.