Conde destaca o proxecto Green Port Energy Center do porto de Vigo como clave para impulsar a competitividade e a innovación ambiental das dársenas galegas

2015-02-10
  • O conselleiro de Economía e Industria resalta que a iniciativa, ideada e xestada en Galicia, reforza á infraestrutura viguesa de cara a atraer novos tráficos e a consolida como referente en eficiencia enerxética
  • Enmarcado no programa Innterconecta, o proxecto consiste nun contenedor de Gas Natural Licuado capaz de proporcionar enerxía aos buques no porto, e reducir o custe enerxético e as emisións de CO2 á metade
  • Mobilizou 2 millóns de euros e supuxo a colaboración de seis empresas, o Campus do Mar e o Itmati

Vigo, 10 de febreiro de 2015.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe o proxecto Green Port Energy Center, presentado no porto de Vigo, como clave para impulsar a competitividade económica e a innovación ambiental das dársenas galegas a curto prazo. Conde resaltou que a iniciativa, ideada e xestada en Galicia no marco do programa Innterconecta, mobilizou 2 millóns de euros para deseñar e construír un contenedor móbil de Gas Natural Licuado capaz de proporcionar electricidade e aire quente e frío ás embarcación no porto, así como de reducir o custe enerxético e as emisións de CO2 nun 50%.

No proxecto tomaron parte as empresas Internaco, Key Plan, Vicus DT, Inabensa, Emenasa e Inova, así como o Campus do Mar e o Itmati. Todos eles traballaron xuntos baixo o paraugas do programa Innterconecta, co que a Xunta, en colaboración con CDTI, mobilizou máis de 215 millóns de euros nos últimos catro anos.

“O Green Port Energy Center non fai senón reforzar a aposta de Vigo e de Galicia pola innovación e a eficiencia enerxética, consolidando o liderado do Porto de Vigo neste ámbito”, destacou Conde. Un liderado, defendeu, sustentado en iniciativas como o Proxecto Tefles para a redución de emisións contaminantes no transporte marítimo e na actividade portuaria, así como no traballo diario do Porto, converténdoo nun dos principais motores económicos de Galicia.

Conde resaltou o resultado deste traballo conxunto como “un claro paso adiante tanto no ámbito enerxético como o portuario”, e subliñou as dimensións económica e ambiental da iniciativa.

No primeiro deses ámbitos, o económico, o deseño deste colector de gas natural –incidiu Conde- impulsará a competitividade dos portos galegos, empezando polo porto de Vigo, que “reforzará o seu atractivo a tráficos de todo tipo e consolidará o bo rumbo que xa tomou coa Autoestrada do Mar”. Ademais, o conselleiro salientou que o Green Port Energy Center reforzará a eficiencia económica de armadores e consignatarios, reducindo os custos dos primeiros e facendo máis competitivos os segundos ao poder ofrecer mellores tarifas que os seus competidores.

A estas vantaxes, resaltou, se lle suman os beneficios que se xeran para as propias empresas desenvolvedoras do proxecto, e o reforzo da capacidade inovadora de Galicia no eido do GNL, “un ámbito crave no que puxemos moitos esforzos, e que xa nos levou a ser especialistas na reparación de gaseiros, ou a impulsar en Ferrol un hub de distribución de GNL como combustible de barcos”.

En canto ao segundo deses ámbitos, o ambiental, Conde incidiu en que este proxecto da un paso máis no camiño de institucións e empresas cara a unha “economía descarbonizada”, impulsando a redución de emisións, e o incremento da eficiencia enerxética, xa que permitirá aos buques apagar os seus motores en porto, sen producir emisións de gases á atmosfera.

O conselleiro defendeu esta capacidade como mostra do compromiso de empresas e institucións galegas cun futuro sostible, “unha convicción que está tamén enraizada no día a día do traballo do Goberno galego” a través de varias iniciativas, como o apoio a 32 proxectos que impulsan a eficiencia a través dos programas Innterconecta e Conecta Pemes”; o plan de eficiencia da Xunta, que busca reducir o consumo de enerxía da administración nun 20% ata 2020; o traballo do Inega, que está a permitir aforrar máis de 80 millóns de euros ao ano; o plan de eficiencia enerxética nas dársenas dependentes da Xunta de Galicia, posto en marcha en 2013 e que conseguiu reducir o consumo eléctrico en máis dun 30%; ou a Estratexia de Especialización Intelixente, que impulsará especialmente a eficiencia enerxética.