Conde subliña en Xinzo a aposta polo emprendemento no rural e o impulso do sector agroalimentario

2016-01-29
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria mantivo hoxe unha xuntanza con empresarios locais para dar a coñecer as principais liñas de apoio do seu departamento
  • A Consellería xa ten a disposición do tecido empresarial galego o 70% dos programas para 2016, con convocatorias abertas que suman 185 millóns de euros
  • No encontro, no que Conde tivo a oportunidade de escoitar as achegas dos participantes, destacou o traballo da Xunta a prol da simplificación e mellora de trámites administrativos
  • Resalta a activación esta semana da oficina Doing Business como canle directa con cidadáns e empresas para suprimir barreiras e impulsar a posta en marcha de proxectos
  • A aposta polas enerxías renovables e a biomasa suma 9,7 millóns de euros e destínanse 9,5 millóns a promover a redución do consumo enerxético na industria e os servizos
  • Nos últimos anos a Consellería apoiou con máis de 6 millóns de euros diferentes proxectos e iniciativas empresariais en Xinzo

Xinzo (Ourense), 29 de xaneiro de 2016.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Xinzo, xunto coa delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, nun networking co empresariado no que expuxo as principais axudas que xa ten activas a Consellería para 2016, e que supoñen o 70% dos apoios para este ano. En total suman 185 millóns de euros para o fomento do emprego, o impulso do investimento empresarial, a innovación e internacionalización e a eficiencia enerxética.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria destacou o traballo da Xunta a prol da simplificación e mellora de trámites administrativos, resaltando a activación esta semana da oficina Doing Business, unha ferramenta pioneira que nace como canle directa con cidadáns e empresas para suprimir barreiras e impulsar a posta en marcha de proxectos.

Conde, que apostou polo diálogo permanente co tecido empresarial para continuar creando riqueza e emprego de calidade en Galicia, avogou polo emprendemento no rural con axudas centradas na economía social para reforzar, entre outros, ao sector agroalimentario. Entre as diferentes liñas de apoio que xa ten en marcha o departamento autonómico destacan o fomento do emprego autónomo, no que a Xunta inviste este ano 20,5 millóns de euros ou as axudas para impulsar a economía social, especialmente no rural. Así mesmo, resalta o impulso da Xunta para a creación de cooperativas entre os menores de 30 anos.

Expuxo tamén o conselleiro as axudas do Goberno galego cos concellos para apoiar a mellora da empregabilidade dos traballadores e traballadoras, como son os obradoiros de emprego aos que a Consellería destina este ano 14 millóns de euros. Neste eido, o conselleiro destacou que na área de Emprego están activas axudas por preto de 100 millóns nas que se priorizan os colectivos máis desfavorecidos ou con menor empregabilidade.

Lembrou tamén Conde que o Igape vén de activar programas de apoio por 22 millóns para impulsar os investimentos empresariais e proxectos da Industria 4.0, que se suman aos diferentes instrumentos financeiros dispoñibles mediante o programa Galicia 1000, ou á aposta pola internacionalización, con convocatorias abertas nestes momentos por 9,5 millóns de euros.

Na reunión tamén se abordaron os programas á disposición das compañías para impulsar a innovación, entre o que se destacou o Conecta Peme, a cuxa terceira edición se destinan 25 millóns de euros. Tamén se fixo fincapé na liña destinada a promover o aforro e a eficiencia enerxética nos sectores industrial e de servizos, dotada con 9,5 millóns, achegando os procesos produtivos á industria 4.0, así como os programas para impulsar as enerxías renovables, cun orzamento total de 1,3 millóns, e o de biomasa, con 8,4 millóns.

Conde, que resaltou a importancia do comercio na recuperación económica, destacou que se veñen de activar apoios por 5,7 millóns para continuar reforzando o comercio de proximidade galego, con axudas centradas no impulso do asociacionismo, a modernización e no establecemento do smart commerce e o comercio en liña.

No encontro celebrado en Xinzo o conselleiro convidou aos empresarios a empregar as diferentes ferramentas ao seu dispor. A través de distintas liñas de axudas, os últimos anos a Consellería que dirixe Francisco Conde apoiou diferentes iniciativas empresariais e de fomento do emprego no municipio con máis de 6 millóns de euros.