Preto de 100 iniciativas empresariais de base tecnolóxica concorren á III edición de Galicia Open Future

2016-04-22
  • No mes de maio coñeceranse os 50 proxectos seleccionados que accederán ao centro de emprendemento do Gaiás
  • Todos os profesionais e startups que participen na iniciativa contarán cun patrocinio de 2.000 euros grazas ao Programa de Incentivos da Xunta

Santiago, 22 de abril de 2016.- Un total de 96 iniciativas empresariais innovadoras presentaron á súa candidatura para participar na terceira edición de Galicia Open Future. No mes de maio coñeceranse os nomes dos 50 proxectos seleccionados que accederán a este gran centro de emprendemento galego, impulsado por Telefónica en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega) e a Consellería de Economía, Emprego e Industria.

As 50 iniciativas seleccionadas accederán ao programa Galicia Open Future, no que Telefónica inviste anualmente preto dun millón de euros, e que ten unha duración inicial de seis meses —prorrogables en períodos de 3 meses—. Durante este tempo os emprendedores reciben formación e adestramento especializado, adaptado ás súas diferentes fases de maduración (idea, semente, prototipo, piloto ou lanzamento) e relacionado co seu modelo de negocio.

A través da plataforma web openfuture.org, os participantes poden entrar en contacto tamén con emprendedores de todo o mundo involucrados no programa de innovación aberta Open Future de Telefónica. Ademais, o equipo de GOF axudará aos emprendedores para identificar fontes de financiamento e facilitará os contactos con fondos especializados en startups tecnolóxicas, como os que integran a rede Amérigo creada por Telefónica.

Programa de Incentivos da Xunta

A través do Programa de Incentivos da Xunta, a Axencia Galega de Innovación (GAIN) concede unha axuda de 2.000 euros a cada un dos proxectos seleccionados. Superada a primeira fase de formación, e unha vez evolucionados xa os proxectos, un xurado de expertos seleccionará aos tres mellores en función da súa achega aos sectores estratéxicos de Galicia, a súa innovación, o potencial de mercado, o grao de maduración e a súa viabilidade, ademais da súa composición multidisciplinaria, a súa motivación e o uso de tecnoloxía diferencial.

Os tres seleccionados recibirán unha achega de ata 25.000 euros da Axencia Galega de Innovación, que deberá destinarse ao desenvolvemento do propio proxecto. Poderán acceder tamén a un préstamo reembolsable concedido por XesGalicia por un valor máximo doutros 25.000 euros.

Máis de 400 iniciativas presentadas

Ás tres edicións de Galicia Open Future presentáronse máis de 400 iniciativas emprendedoras de base tecnolóxica. Dos 100 seleccionados nas dúas primeiras convocatorias unha maioría experimentou fortes avances no desenvolvemento do seu proxecto e accedeu a novas oportunidades de negocio, entrando en contacto con novos investidores e clientes (Telefónica, Sergas…) e accedendo, algúns, a outros programas de aceleración.