Feijóo valora que a partir de setembro entre en funcionamento o novo parque tecnolóxico de avións non tripulados de Galicia

2016-05-13
  • Afirma que Indra e Inaer asinan non só un compromiso coa industria galega e coa tecnoloxía feita desde Galicia, senón que garanten ademais a súa permanencia na Comunidade ata o ano 2026
  • Salienta que Rozas converterase desde hoxe no centro dunha nova industria que ten tres patas: Vigo, onde se localizan importantes infraestruturas, especialmente en canto a centros tecnolóxicos, empresas ou a propia Universidade; Nigrán, onde está instalado o Edificio Tecnolóxico Aeroespacial, e Ourense, onde se impartirá o Grao en Enxeñaría Aeroespacial
  • Subliña que se crearán arredor de 600 empregos cualificados
  • Agradece a invitación das empresas a este acto e que fixesen explícitos os seus compromisos no tocante aos tres modelos de avión non tripulado que se desenvolverán
  • “Estamos a falar dunha aposta estratéxica de futuro, dunha aposta por un novo modelo económico para Galicia”, di

Castro de Rei (Lugo), 13 de maio de 2016.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, valorou hoxe, no acto de presentación do acordo de investimentos para o polo tecnolóxico e industrial de avións non tripulados de Galicia, que a partir de setembro entre en funcionamento o novo parque tecnolóxico. “Desde este momento comeza un calendario de traballo que contempla comezar este mesmo mes de maio coa contratación de persoal. E de seguido, entre xuño e decembro, asinaranse os contratos coas empresas subcontratistas”, precisou, ao que engadiu que entre xullo e setembro deste ano realizarase tamén o traslado das seis empresas especializadas a Galicia.

Así mesmo, resaltou o feito de que en xullo comece a construción do hangar de Indra e a instalación do centro de mantemento de helicópteros. Xa en agosto, iniciaranse os voos de proba.

Feijóo afirmou que con este contrato, ambas as dúas multinacionais encargadas de desenvolver en Rozas este parque —Indra e Inaer— asinan non só un compromiso coa industria galega e coa tecnoloxía feita desde Galicia, senón que garanten ademais a súa permanencia na Comunidade ata o ano 2026.

Durante a súa intervención, o titular da Xunta agradeceu a invitación das empresas a este acto, así como que fixesen explícitos os seus compromisos no tocante aos tres modelos de avión non tripulado que se desenvolverán nesta localidade lucense: un deles de ala rotatoria para a vixilancia dos lumes, outra aeronave de ala fixa para a vixilancia costeira e un vehículo mariño non tripulado que inclúe un microrrobot submariño capacitado para a recollida de mostras.

Galicia no mapa da aviación non tripulada

Desde hoxe, Rozas converterase no centro dunha nova industria que ten tres patas: Vigo, onde se localizan importantes infraestruturas, especialmente en canto a centros tecnolóxicos, empresas ou a propia Universidade; Nigrán, no polígono de Porto do Molle, onde está instalado o Edificio Tecnolóxico Aeroespacial, e Ourense, que nutrirá o sector de coñecemento regrado coa creación do Grao en Enxeñaría Aeroespacial.

Trátase, en definitiva, dunha nova industria que conecta o tecido empresarial e universitario das catro provincias galegas e que situará a Comunidade no mapa da aviación non tripulada. “Estamos a falar dunha aposta estratéxica de futuro, dunha aposta por un novo modelo económico para Galicia”, dixo o presidente da Xunta.

Logo de subliñar que serán arredor de 600 os empregos cualificados que se crearán, Feijóo destacou o feito de que as dúas compañías, en colaboración coa Xunta, acheguen en total para este proxecto 115 millóns de euros, para trasladar a Galicia toda a súa actividade no eido dos avións non tripulados, implantar seis empresas na Comunidade, desenvolver un catálogo de produtos que se fabricarán integramente en Galicia, impulsar tecnoloxías aplicables tamén noutros sectores como o naval, o metalúrxico ou a automoción e construír o devandito parque tecnolóxico.

Para iso, estas instalacións incorporarán a fábrica de helicópteros non tripulados de Inaer, a fábrica de avións non tripulados de Indra, un centro de mantemento da frota de ambas as dúas compañías, un centro tecnolóxicos, unha oficina de deseño e certificación, unha unidade de instrución e formación de pilotos, un centro de control de tráfico aéreo, un novo hangar e unha incubadora de empresas.