Conde sinala o tirón dos sectores estratéxicos como clave para que as exportacións galegas medren máis dun 13%

2016-06-20
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe nun almorzo con membros da Confederación de Empresarios de Pontevedra, onde destacou o papel do naval e automoción pontevedresa na boa marcha das vendas ao exterior
  • Resalta a necesidade de adaptar o tecido fabril galego á Industria 4.0 para consolidar os bos indicadores económicos, apostando por sectores emerxentes como o aeronáutico ou a biotecnoloxía
  • Salienta que, grazas á responsabilidade fiscal do Goberno galego, a Xunta sumará 15 novos millóns aos 130 millóns que xa ten investido en ano e medio no impulso á Industria 4.0
  • Sinala a estabilidade de Galicia como valor engadido para a atracción de investimentos, que a Xunta está a potenciar cos 60 millóns da Iniciativa de Captación de Investimentos 4.0

Vigo, 20 de xuño de 2016.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe o tirón dos sectores estratéxicos galegos como clave para que as exportacións medrasen un 13,3% en abril de 2016 con respecto ao mesmo mes do ano anterior, e un 7,5% no acumulado de xaneiro a abril con respecto ao mesmo período de 2015. Ambas cifras, que superan os díxitos de crecemento do Estado en 7 e preto de 6 puntos porcentuais, respectivamente, amosan que “as exportacións seguen sendo o motor da recuperación económica que está a experimentar Galicia, e temos que seguir traballando cos principais sectores, o da automoción, as manufacturas e os bens de equipo, para consolidar esa tendencia”.

Conde, que participou nun almorzo da Confederación de Empresarios de Pontevedra para avaliar a situación da economía galega e as liñas de traballo cara o futuro, resaltou que con este crecemento, Galicia está a bater un ano máis todos os seus récords exportadores, confirmando que a aposta pola innovación e o talento que as empresas galegas están a facer da man da Xunta xa está a dar froitos. Os datos reflicten ademais a boa marcha da taxa de cobertura, que medra un 52% no acumulado entre xaneiro e abril con respecto ao mesmo período de 2015, sumando 1.417,5 millóns de euros, e reflicte que “os galegos temos amosado una vez máis a nosa competitividade nos mercados globais”.

Conde resaltou, nese tirón dos sectores estratéxicos para impulsar as exportacións galegas, o papel que está a xogar a provincia de Pontevedra, “cun músculo importante no naval e na automoción”. No eido do automóbil, Conde destacou a confirmación do novo modelo para Balaídos, que sumado ao K9 eleva ata os 3.000 millóns de euros o investimento nos próximos anos e “despexa o futuro do sector para a próxima década”; e o naval, “onde Vigo e Ferrol están a liderar un cambio que se sinte nos estaleiros e na industria auxiliar, sumando unha carga de traballo de 19 buques, e 2.300 millóns en contratos”.

O conselleiro defendeu a necesidade de apuntalar a boa marcha dos piares da economía galega coa aposta por adaptala ás tecnoloxías e procesos da Industria 4.0, garantindo a súa competitividade a longo prazo. Neste senso, resaltou que a Xunta está a apoiar ese camiño, investindo 130 millóns en ano e medio para apuntalar o cambio, aos que se sumarán 15 millóns que Galicia ten acadado grazas á disciplina fiscal. Nese camiño, apuntou, Galicia está ademais traballando por captar grandes investimentos no eido da fábrica intelixente, para o que ten posto en marcha a primeira convocatoria da Iniciativa de Captación e Investimentos 4.0, con 60 millóns para a posta en marcha de novas iniciativas. Un camiño no que Galicia, sinalou Conde, conta co valor engadido dunha estabilidade política que reforza o atractivo da rexión para captar novos proxectos.

De forma paralela, defendeu Conde, a comunidade está a apostar por sectores emerxentes de futuro, capaces de converterse en estratéxicos a medio prazo e impulsar coa mesma forza as exportacións da comunidade. Neste senso, resaltou o potencial do sector aeronáutico e o polo tecnolóxico e industrial de avións non tripulados da man de Indra e Inaer, nunha iniciativa que suporá un investimento de 115 millóns, a creación de 600 postos de traballo, e contratos de 42 millóns con empresas e centros de coñecemento.

Un proxecto no que Conde destacou que a provincia de Pontevedra será peza clave, xa que en Vigo se localizarán a Unidade de Instrución e Formación de operadores de sensores, e unha sede de Inaer en Porto do Molle, ademais de que unha parte importante das empresas e centros de coñecemento contratados son da área de Vigo, con protagonistas como Aimen, Gradiant e a UDV.

Conde tamén subliñou a importante aposta que a Xunta está a facer coa Estratexia de Impulso á Biotecnoloxía 2016-2020, que culmina a vertebración do apoio público ao sector Bio que o Goberno galego vén construíndo nos últimos catro anos, sumando 200 millóns en investimento ata 2020, dos que os primeiros 37 millóns se están xa a investir este mesmo ano, e configurándose como unha panca para aumentar a competitvidade doutros eidos como a medicina, a pesca ou o lácteo.