Conde destaca que a Unidade Mixta con PSA e CTAG para crear o coche autónomo consolida Galicia como un epicentro de innovación en Europa

2016-06-28
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, o director do centro de Vigo de PSA e o director xeral de CTAG mostraron esta mañá á directora de Investigación e Enxeñaría Avanzada de todo o grupo PSA, os avances tecnolóxicos que se están a levar a cabo no marco deste proxecto colaborativo que mobiliza 4 millóns de euros
  • Citröen trasladou ao conselleiro que se presentará á Iniciativa de Captación de Investimentos 4.0, un programa ao que a Xunta destina 60 millóns de euros e polo que xa se interesaron empresas de sectores TIC, pedra natural ou enerxía
  • Salientou que a aposta pola innovación que está a realizar o sector está sendo determinante na consecución dos novos proxectos K9 e do modelo V20 de PSA, que cun investimento de 640 millóns garantirá carga de traballo durante 10 anos no sector da automoción

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou esta mañá en Vigo, tras manter un encontro no Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) coa directora de Investigación e Enxeñaría Avanzada (DRIA) do grupo PSA, Carla Gohin, o director do Centro de Vigo, Yann Martin, e o director xeral de CTAG, Luis Moreno, o traballo colectivo que se está a desenvolver para “conformar este ecosistema de innovación” que permite converter a Galicia nun referente. Neste sentido, subliñou a Unidade Mixta posta en marcha entre PSA, CTAG e Xunta para o desenvolvemento do “coche do futuro”, un vehículo autónomo que supón a mobilización de 4 millóns de euros.

Conde agradeceu a visita da directora de Investigación e Enxeñaría Avanzada (DRIA) do grupo PSA ás instalacións do CTAG para coñecer as capacidades do sector da automoción en Galicia e a aplicación que se está a facer das novas tecnoloxías para o impulso desta industria estratéxica na comunidade. “É unha oportunidade para avaliar os avances producidos nestes anos e pensar en futuro e en como identificar novas oportunidades en innovación”, sinalou o conselleiro, que engadiu que o traballo conxunto de Xunta, PSA e CTAG supón fortalecer a aposta de Galicia por posicionarse coma “un dos epicentros da innovación na automoción a nivel europeo”.

Así, ademais da Unidade Mixta para a fabricación do vehículo autónomo, Conde puxo como exemplo o Centro de Excelencia en Electrónica para Vehículos Intelixentes, no que a Xunta investiu 10 millóns de euros para potenciar a I+D+i excelente e a validación de sistemas e vehículos intelixentes fabricados en Galicia e que teñen como destino o mercado internacional. Esta aposta pola innovación, unido á calidade e experiencia da industria de compoñentes galega, está sendo determinante na consecución dos novos proxectos K9 e do modelo V20 de PSA, o que suporá un investimento directo de 640 millóns de euros e un efecto multiplicador na industria galega de 3.600 millóns, asegurando carga de traballo para a próxima década.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria tamén amosou a súa satisfacción polo anuncio de Citroën de presentarse á Iniciativa de Captación de Investimentos 4.0 da Xunta, o que permitirá converter a factoría de Vigo nun referente da fábrica da automoción do futuro, así como afondar nas tecnoloxías relacionadas co vehículo autónomo e conectado que se está a desenvolver a través da Unidade Mixta.

Neste sentido, Conde destacou que se trata dunha “boa nova” para Galicia que sexa unha industria referente como a da automoción a primeira que presenta a súa proposta oficial para optar á Iniciativa de Captación de Investimentos 4.0, “un sector que dá emprego a arredor de 19.300 persoas, ten un volume de facturación de 7.000 millóns anuais e concentra cerca do 30% das exportacións galegas”.

O conselleiro indicou que a Xunta agarda agora que outras empresas, de sectores como TIC, o sector da pedra natural ou da enerxía, que xa mostraron o seu interese por participar nesta primeira convocatoria, concreten as súas propostas de maneira definitiva. A Iniciativa de Captación de Investimentos 4.0 ten como obxectivo impulsar, mediante concorrencia competitiva, proxectos de I+D+i vinculados á fábrica intelixente. Trátase dun programa ao que o Goberno galego dedica 60 millóns de euros para, como explicou Conde, “servir de panca para que as empresas máis relevantes dos sectores produtivos poidan desenvolver proxectos de I+D e para que a vantaxe competitiva de Galicia veña polo coñecemento, a innovación e por ser vangardistas no desenvolvemento de novos produtos e de novos procesos industriais”.