A Xunta felicita aos galegos clasificados no maior evento de emprendemento de Iberoamérica

2016-07-19
  • Sete proxectos saídos das universidades galegas, seleccionados para as semifinais do Spin 2016, que se celebrará no Gaiás a finais de setembro
  • O Spin reunirá na Cidade da Cultura a 2.000 emprendedores de 100 universidades de España, Portugal e América Latina e repartirá 100.000 euros en premios
  • O evento traerá por vez primeira á comunidade a algúns dos principais fondos de inversión, capital risco, business angel e aceleradoras de negocio de Iberoamérica

Santiago, 19 de xullo de 2016.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, anunciou esta mañá que máis dun millar de emprendedores teñen presentado a súa candidatura para participar nos programas do Spin 2016, o maior evento de emprendemento universitario de Iberoamérica, que se celebrará na Cidade da Cultura os días 29 e 30 de setembro e o 1 de outubro, no que participarán 100 universidades de España, Portugal e América Latina e que reunirá no Gaiás a 2.000 emprendedores, estudantes, investigadores e empresarios de 20 países.

Román Rodríguez mostrou a súa satisfacción polo feito de que sete proxectos emprendedores saídos das universidades galegas figuren entre os 100 semifinalistas do Model2Market, un dos principais programas do Spin 2016, deseñado para axudar a completar o salto ao mercado daquelas persoas que están a punto de crear a súa empresa. A esta convocatoria presentáronse 464 candidaturas de 12 países diferentes. O conselleiro amosou a súa confianza en que estes sete proxectos galegos se clasifiquen para a fase final e figuren entre os 30 que competirán en Santiago polos 100.000 euros en premios que se distribuirán durante o Spin.

Pola súa banda, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou a vocación de Spin 2016 como “capital do emprendemento iberoamericano”, un lugar no que “impulsar o mellor talento, facilitándolle o desenvolvemento de ideas e a súa transformación en proxectos concretos que se poidan transferir ao mercado”.

Conde resaltou o evento como punto de encontro entre investidores e ideas, en liña coa política económica da Xunta, que a través de aceleradoras como Vía Galicia, xunto á Zona Franca; Agrobiotech; Galicia Open Future, xunto á Telefónica; ou os espazos de coworking xunto á EOI, suma xa máis de 500 proxectos apoiados nos últimos 4 anos, mobilizando máis de 12 millóns de euros.

Esta mañá celebrouse no Gaiás unha reunión de seguimento entre a Xunta, a RedEmprendia, e a Universidade de Santiago, institucións organizadoras deste evento xunto co Banco Santander (a través de Santander Universidades). Ao acto asistiron ademais dos conselleiros de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; e de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; o reitor da Universidade de Santiago, Juan Viaño Rey, o director xeral de RedEmprendia, Senén Barro, e a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González Loroño, así como os emprendedores galegos seleccionados no programa Model2Market do Spin 2016.

Dos sete proxectos emprendedores das universidades galegas seleccionados entre os 100 semifinalistas, cinco proceden da Universidade de Santiago e os outros dous da Universidade de Vigo e da Coruña. Os emprendedores están a recibir durante durante o último mes asesoramento experto por parte do IC2 Institute da Universidade de Texas en Austin, co obxectivo de perfeccionar os proxectos de cara a selección dos trinta finalistas que participarán no Spin 2016.

Os Proxectos galegos seleccionados son:

  • CloudDADIS. Data Acquisiton and Dissemination (USC): propón solucións tecnolóxicas que integren datos de observación ambiental de fontes heteroxéneas para reforzar a toma de decisión ou a resolución de emerxencias.
  • Cogomelo Games (UdC): estudo de desenvolvemento de videoxogos para plataformas móbiles que integra aos usuarios no proceso de creación dos xogos. Foron premiados polo programa YUZZ no ano 2015.
  • GenDR (USC): proxecto que busca a creación dunha empresa de servizos de farmacoxenética que axuden a predecir a resposta das persoas a determinados fármacos.
  • Greenaquaculture (USC): servizo de depuración-reutilización de augas residuais procedentes da acuicultura a través de sistemas de cultivo integrado de animais acuáticos e plantas (acuaponía), nos que as bacterias nitrificantes transforman o amonio excretado polos animais, facéndoo asimilable para as plantas que filtran a auga. Busca obter un maior rendemento da materia prima empregada neste proceso de depuración e reducir o impacto ambiental da actividade acuícola.
  • LACTEAL (USC): Produción e comercialización de suplementos minerais de orixe natural a base de macroalgas das costas galegas.
  • MeetLab (USC): Propón unha ‘tenda online’ de servizos de biotecnoloxía na que os científicos e investigadores usuarios poidan atopar un catálogo de provedores organizados por rama científica, prezo, localización xeográfica, opinións de usuarios anteriores e máis información que simplifique as decisións de contratación de servizos.
  • RED HOT LINE (UVigo): Proxecto que busca ofrecer servizos de apoio xurídico integral para organizacións e empresas, identificando os riscos penais/xurídicos aos que se enfrontan polo tipo de actividade que desenvolven e ofrecendo unha planificación e atención personalizada para mitigalos.

Foro de inversores

Ademais do Model2Market, o Spin 2016 contará con outro programa denominado SmartMoney4Stars, un foro de inversores no que os emprendedores poderán obter capital para financiar o seus proxectos. Neste caso recibíronse 100 solicitudes de startups e spin-off universitarias, das que 5 proceden de universidades galegas

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria destacou que SmartMoney4Stars traerá por vez primeira a Galicia algúns dos principais fondos de inversión, capital risco e business angel e aceleradoras de negocios de Iberoamérica. Entre eles, teñen confirmado a súa asistencia NXTP Labs, a aceleradora máis importante de Arxentina; Xcala, a rede de business angel máis grande de América Latina e o Caribe, ou o Performa Investimentos, fondo brasileiro que xestiona máis de 480 millóns de dólares en capital.

SpinWay: emprender no Camiño de Santiago

Nesta edición do Spin, o evento incorporará unha novidosa actividade coa que os mozos porán a proba as súas capacidades de esforzo e o seu espíritu emprendedor. Trátase de SpinWay, unha actividade que levaralles a desenvolver a súa idea de negocio mentres recorren o Camiño de Santiago.

Ate o momento, máis de 300 universitarios teñen mostrado o seu interese en participar en SpinWay, aínda que só 30 serán elixidos para facer esta ruta. Esta actividade está coordinada pola Universidade de Santiago a través de Uninova, coa colaboración do Xacobeo, a RedEmprendia, a Fundación Cotec para a Innovación e o Tecnolóxico de Monterrey.

O talento galego en Spin 2016

Con máis de 2.000 asistentes previstos, Spin 2016 fará da Cidade da Cultura o epicentro do emprendemento e do talento universitario, convertendo o Gaiás nun espazo para proxecto o talento galego no mundo. O programa de ponentes incorporará nomes galegos, como Anxo Pérez, creador de 8Belts.com, método único que garante aprender un idioma en menos de oito meses, e autor do libro Los 88 peldaños del éxito, un dos máis vendidos en España no 2014. Xunto a Anxo Pérez, entre os relatores galegos, estará tamén o músico Carlos Núñez; o CEO de Hijos de Rivera e Estrella Galicia, Ignacio Rivera, ou a creadora téxtil Idioa Cuesta. No mes de setembro darase a coñecer a axenda completa do evento, con máis de cincuenta relatores dos eidos da ciencia, da cultura, da empresa ou da universidade.

Abertas as inscricións

A asistencia ao Spin2016 os días 29 e 30 de setembro e o 1 de outubro é gratuíta e a inscrición pode realizarse a través da web http://registro.spin2016.org. Unha vez realizado o rexistro, os participantes recibirán información puntual sobre todas as novidades do evento: axenda, inscrición a talleres e seminarios, actividades complementarias, etc.

As tres universidades galegas están tramitando a concesión dun crédito transversal para todo o alumnado que asista ao evento e cursen algunha titulación de grado na universidade. Do mesmo xeito, ofrecerase transporte gratuíto ao Gaiás para os estudantes.

Nesta edición, Spin 2016 conta co patrocinio principal da xunta de Galicia e de Santander Universidades, ao que se suman outras entidades e empresas como a Fundación EY, Indra, Google, Gas Natural Fenosa, Hijos de Rivera, Clarke, Modet & Co, Iberia e a Deputación da Coruña, contando ademais coa colaboración de máis de medio cento de organizacións públicas e privadas e universidades.