A Xunta e o Ministerio de Economía poñen en marcha o proxecto Código 100

2016-07-20
  • Ten por obxectivo dar resposta ao desafío do envellecemento da nosa sociedade
  • A iniciativa, presentada hoxe nun acto en Santiago no que estiveron presentes os conselleiros de Sanidade e Economía, conta cun orzamento de 13 millóns de euros
  • Nas vindeiras semanas vanse iniciar as consultas cos profesionais, coas empresas e cos pacientes para captar ideas, demandas e inquedanzas
  • Conde destacou que este proxecto se enmarca dentro da aposta da Xunta pola Compra Pública Innovadora, unha ferramenta de contratación que permitiu mobilizar en Galicia preto de 160 millóns para 10 iniciativas

Santiago, 20 de xullo de 2016.- O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, presidiron hoxe, no salón de actos do Aulario Novoa Santos, emprazado no recinto do Hospital Clínico Universitario da capital de Galicia, a presentación do Código 100, proxecto que conta cun orzamento de 13 millóns de euros, e que ten por obxectivo desenvolver iniciativas no sistema público de saúde de Galicia para dar reposta ao desafío do envellecemento da nosa sociedade.

Sinalar que o Ministerio de Economía e Competitividade cofinanciará o desenvolvemento do proxecto CÓDIGO 100 en Galicia con 10,4 millóns de euros, no marco do Programa Operativo Plurirrexional FEDER de Crecemento Intelixente 2014-2020 (POCInt). O importe restante distribúese do seguinte xeito: o Sergas achegará 1,3 millóns de euros e a Axencia Galega de Innovación (GAIN), outros 1,3 millóns.

No acto estiveron presentes, así mesmo, o reitor da USC, Juan Viaño Rey; o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa; a directora da Axencia do Coñecemento en Saúde, Sonia Martínez Arca; o decano da Facultade de Medicina, Juan Gestal Otero; e o subdirector xeral de Fomento da Innovación do Ministerio de Economía e Competitividade, Juan Manuel Garrido Moreno.

Liñas de actuación

O programa xira en torno a tres liñas de actuación. A primeira busca promover unha maior participación do usuario do sistema sanitario no proceso terapéutico e un maior empoderamento dos doentes. Pretende desenvolver ferramentas capaces de personalizarse de forma automatizada e intelixente, adaptando a información e servizos ofrecidos ás necesidades, intereses e preferencias particulares do usuario en materia de saúde e estilo de vida.

A segunda das liñas ten como meta avanzar na personalización das terapias e tecnoloxías de diagnóstico para unha asistencia sanitaria máis eficaz e eficiente, fomentando a incorporación ao sistema público de saúde de novas terapias e tecnoloxías que se atopen en fases finais de desenvolvemento, como biomarcadores avanzados para diagnóstico e prognóstico de enfermidades, dispositivos médicos ou desenvolvementos TIC.

A última das liñas de actuación consiste en dinamizar o coñecemento sanitario co obxectivo de obter un maior impacto en todas as liñas de actuación. Neste sentido, preténdese desenvolver unha plataforma tecnolóxica cuxa implantación repercuta nunha mellor xestión das competencias, posibilitando una visión proactiva e adaptativa do coñecemento dos profesionais da organización que permita unha xestión áxil e eficiente dos recursos humanos.

Máis de dous anos de traballo

O conselleiro de Sanidade destacou, no acto de hoxe, que esta iniciativa é froito dun traballo de máis de dous anos, realizado por un equipo multidisciplinar da Consellería de Sanidade e do Sergas, agora coordinado dende a Axencia de Coñecemento en Saúde, (ACIS). Almuiña agradeceu ao Ministerio de Economía e Competitividade que confiara na Administración sanitaria galega para este proxecto, agradecemento que fixo tamén extensivo ao Ministerio de Sanidade, ao Instituto de Saúde Carlos III, á Axencia Galega de Innovación (GAIN) e á Consellería de Economía.

Segundo o conselleiro, nas vindeiras semanas vanse iniciar as consultas cos profesionais, coas empresas e cos pacientes para captar ideas, demandas e inquedanzas.

Para rematar a súa intervención, o conselleiro lanzou unha mensaxe a todo o ecosistema de saúde, resaltando que Galicia e o seu sistema sanitario aglutinan unha serie de factores que a converten nunha rexión ideal para a posta en marcha de proxectos innovadores no sector da saúde. En primeiro lugar, polo noso perfil demográfico, que é a día de hoxe o que Europa vai a ser mañá. Na nosa comunidade a taxa de envellecemento é 6 puntos superior á media europea. Por iso, os retos e dificultades aos que nos enfrontamos son os que outros sistemas farán fronte no futuro. En segundo lugar, proseguiu o conselleiro, pola nosa dimensión, cunha poboación de preto de 2,8 millóns de persoas podemos poñer en marcha e xestionar este tipo de proxectos para logo estendelos a outras rexións. En terceiro término, ademais do esforzo en capacitación tecnolóxica dos últimos anos, contamos con profesionais e equipos de innovación preparados para levar a bo porto os proxectos, concluíu Almuiña.

Pola súa banda, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou que o proxecto CÓDIGO 100 se enmarca dentro da aposta da Xunta pola Compra Pública Innovadora, unha ferramenta para a contratación de servizos e proxectos na que Galicia é unha das comunidades pioneiras e que permite apoiar á innovación empresarial e dar resposta ás necesidades dos servizos públicos, ao tempo que facilita ás empresas ser máis competitivas na medida en que a Administración se converte no seu primeiro cliente, compartindo e desenvolvendo iniciativas innovadoras.

Neste senso, Conde subliñou que Galicia conta con dez proxectos nos que a Compra Pública Innovadora xoga un papel estratéxico, mobilizando preto de 160 millóns de euros. Así, ás oito iniciativas desenvolvidas nos últimos anos, entre as que inclúen proxectos no eido sanitario como Innovasaúde e Hospital 2050, súmanse agora CÓDIGO 100, con 13 millóns de euros, e o polo industrial e tecnolóxico de avións non tripulados para uso civil en Rozas (Lugo), para o que se dedican 24 millóns a través desta ferramenta de contratación.

A Compra Pública Innovadora inclúese dentro da Estratexia Intelixente de Galicia RIS3, que ten como prioridade situar á comunidade galega en 2020 como rexión líder no sur de Europa na aplicación de novas tecnoloxías no eido do envellecemento activo e a vida saudable e na promoción da autonomía persoal. Nesta mesma liña, a Consellería de Economía, Emprego e Industria puxo en marcha as Unidades Mixtas de Investigación, unha colaboración público-privado que permitirá mobilizar 87 millóns de euros e crear 360 empregos cualificados.