Conde avoga en Padrón pola innovación das pemes galegas para a fixación do emprego no rural

2016-07-26
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe a empresa Exlabesa á que definiu como un referente na industria galega do aluminio e da que destacou a súa contribución á creación de emprego na comarca
  • Salientou o acompañamento da Xunta na ampliación das instalacións da compañía coa tramitación da supramunicipalidade do proxecto, ao tempo que puxo en valor outro tipo de ferramentas da Administración para apoiar o plan desde os ámbitos da formación, innovación e eficiencia enerxética
  • Indicou que as Unidades de Formación de Empresa é un programa da Axenda 20 para o Emprego co que a Consellería apoia a formación nas empresas sempre que exista un compromiso de contratación
  • Resaltou a contribución de Exlabesa á promoción da marca Galicia en proxectos internacionais de especial relevancia

Padrón (A Coruña), 26 de xullo de 2016.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, avogou hoxe pola innovación do tecido empresarial galego para a fixación do emprego no rural no transcurso da visita que en Padrón desenvolveu á empresa Exlabesa, á que definiu como un referente na industria galega do alumino.

Conde puxo en valor a contribución desta compañía á creación de emprego na comarca a través da mellora da súa competitividade, apostando pola innovación e a internacionalización das súas fábricas. Así mesmo, puxo en valor que na actualidade a compañía está inmersa na ampliación das súas instalacións na que a firma está a investir 15 millóns de euros, que suporá a creación de máis de 200 postos de traballo nas fábricas de Padrón e Rois. A este proxecto únese a creación do Centro de Desenvolvemento de I+D en Valga que sumará 30 postos de traballo de alta cualificación.

O titular de Economía apuntou que a Xunta está acompañando a Exlabesa no proceso de ampliación das súas naves a través da tramitación da supramunicipalidade do proxecto, ao tempo que informou doutras ferramentas coas que conta a Consellería para apoiar este plan desde os ámbitos da formación, innovación e eficiencia enerxética.

Indicou, neste senso, que as Unidades de Formación de Empresa, incluído na Axenda 20 para o Emprego, liga o apoio da Xunta á cualificación das persoas desempregadas co compromiso de contratación por parte das compañías.

Así mesmo, Conde resaltou a contribución de Exlabesa á promoción da marca Galicia en proxectos internacionais de relevancia, xa que os produtos da empresa estiveron presentes en infraestruturas como as dos Xogos Olímpicos de Londres, a construción do AVE á Meca, a ampliación do Canal de Panamá ou o Mundial de Fútbol de Sudáfrica.

Por último, resaltou que o Goberno galego traballa para que o tecido empresarial galego sexa cada vez máis forte sinalando que a Xunta xa ten en activo o 70% das medidas da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0.
Así mesmo, lembrou que a Xunta está inmersa tamén na execución da Estratexia de Internacionalización “coa que Galicia avanza cara ao exterior”, destacando, ademais, que Exlabesa está presente en 40 países con 7 plantas e unha produción de 70.000 toneladas ao ano.